¿Por que escoller o hóckey patíns para o teu fillo/a?
O hóckey patíns é moito máis que un deporte. Ademais de mellorar a psicomotricidade, o equilibrio e a coordinación, fomenta valores tan importantes como o traballo en equipo, o respecto polos demais, a disciplina e a capacidade de superación. Nun ambiente seguro e supervisado, os nenos e nenas teñen a oportunidade de crecer como deportistas e como persoas, desfrutando dun deporte rápido, emocionante e cheo de aprendizaxes.
As categorías que ofertamos son:
Escolas (2-7 anos)
As Escolas de hóckey patíns están deseñadas para que os nenos e nenas de 2 a 7 anos teñan o seu primeiro contacto co deporte. A través de xogos e actividades lúdicas, os pequenos aprenden a patinar e, pouco a pouco, a manexar o stick e controlar a bola. Todo o proceso baséase nun ambiente divertido e educativo, que mellora a súa psicomotricidade e desenvolvemento físico.
Unha das grandes vantaxes desta fase é a participación nas «Escolas», que se organizan xunto a outros clubs e equipos. Estes encontros permiten que os máis pequenos xoguen partidos sen puntuación, cunha gran énfase na deportividade e o respecto, fomentando o seu crecemento persoal e deportivo desde unha idade temperá.
Prebenxamín (8-9 anos)
A categoría Prebenxamín está formada por nenos e nenas de 8 e 9 anos, onde xa comezan a participar en competicións oficiais. Aínda que os partidos son a tempo corrido, e con puntuación, mantense unha contorna de aprendizaxe. Esta categoría introduce aos rapaces ao ambiente competitivo de maneira gradual, permitíndolles desenvolver habilidades clave como o traballo en equipo, a concentración e o esforzo.
O obxectivo nesta fase é que os nenos e nenas gocen do deporte, aprendan a xestionar os resultados, e sigan mellorando tanto a súa técnica individual como a súa capacidade para competir con compañeirismo e respeto.
Benxamín (9-10 anos)
Nesta categoría, os nenos e nenas de 9 e 10 anos xa asumen unha competición máis seria. Os partidos pásanse a xogar a tempo parado, introducindo a estratexia e a toma de decisións rápidas durante o xogo. Ademais, comezan a aplicarse as tarxetas azuis e vermellas, que penalizan accións irregulares e fomentan o xogo limpo.
Os rapaces comezan a adquirir un maior nivel de compromiso co equipo e o deporte, aprendendo a xestionar tanto as vitorias como as derrotas e mellorando as súas habilidades técnicas e tácticas no campo.
Alevín (11-12 anos)
A categoría Alevín está composta por nenos e nenas de 11 e 12 anos, onde o nivel de esixencia aumenta. Os partidos seguen xogándose a tempo parado, e as tarxetas azuis e vermellas están presentes, o que reforza o respecto polas regras do xogo.
Ademais, a partir desta categoría, os equipos teñen a posibilidade de participar en competicións a nivel nacional, ofrecendo aos rapaces e rapazas a oportunidade de medirse con outros xogadores e equipos de todo o país. Este salto competitivo axúdalles a mellorar a súa preparación técnica e mental, fortalecendo o seu espírito de equipo e a súa capacidade para superar retos no hóckey patíns.